Taller de FÓSILES (luns 27 e mércores 29 de abril). E DESTA VEZ SI!! 💪😎

Ola! 

Para levar a cabo o taller de fósiles empregamos barro como estrutura para xerar un molde e, sobre este conseguir réplicas utilizando xeso. Tiñamos pendente rematar con éxito un traballo similar, que desta vez si serviu para saír máis que contentos.   




Un fósil é calquera resto ou sinal da actividade (pegadas tamén) dun ser vivo que, tras un longo proceso de mineralización (en ocasións millóns de anos) que chamamos fosilización, queda conservado nunha rocha, xeralmente sedimentaria. 

Logo de comprender como é o proceso de fosilización reproducimos no laboratorio a experiencia que, desta vez si, culminou coa produción duns marabillosos exemplares.  Estes fosilizaron moito máis rápido do esperado. Co que a máis de un pasoulle o que ás nosas réplicas: ficaron sen osíxeno e sen auga mentres removían o xeso. Xustamente dúas das 3 condicións perfectas para a fosilización. Como? pois iso! O éxito está en:

  1. Sufrir un rápido enterramento. Os organismos expostos poden ser comidos, transportados e degradados rapidamente co que o enterramento evita estas situacións.
  2. Ficar lonxe das condicións de humidade. A maioría das bacterias e seres descompoñedores ven a súa actividade complicada e moi retardada en condicións sequidade. O enterramento tamén favorece esta condición. 
  3. A ausencia de osíxeno. Este é esencial para a maior parte dos descompoñedores da materia orgánica. Así, sen el, o proceso de descomposición redúcese drasticamente. Por iso, pantanos, fondos profundos e lodazais foron no seu día trampas perfectas que constiuíron o pase necesario para formar parte na actualidade dos nosos museos. 
Queres saber máis?
É incríbel a cantidade de información que os fósiles nos poden achegar:
- Implican a proba fundamental da propia existencia dunha especie que, moi probablemente, xa non exista; 
- Ofrecen información sobre a contorna, do clima e do ambiente (temperatura, ambientes acuáticos, terrestres...); da xeoloxía e dos procesos xeolóxicos acontecidos (tipo de sedimentos: cinzas, areas, lodos, movementos de terras...) no lugar
- A historia de como morreu: contexto, posición, marcas de depredación ou mesmo desprazamentos posteriores...
- Permiten reconstruír a historia evolutiva das especies, indicando nalgúns casos e sobre certas especies que chamamos "guía", momentos xeolóxicos moi concretos (xa que só viviron nun certo periodo). Polo que ademais podemos dicir que os fósiles son auténticos "relóxos xeolóxicos".   
 
Así que, a próxima vez que suxeites entre as mans un verdadeiro exemplar dun fósil (hai moitas falsificacións), non o esquezas

CADA FÓSIL É UN TESOURO ÚNICO e IRREPETIBLE!   





Comentarios