Análise de 💀EGAGRÓPILAS💀(luns 19 de xaneiro)

 

Ola! Ega… que? Pois iso: unha egagrópila é unha bola compacta de restos non dixeridos —como ósos, pelo ou plumas— que algunhas aves, sobre todo rapaces, regurxitan despois de alimentarse.

Queres saber máis? Como as aves non mastigan, tragan as presas enteiras ou en anacos grandes. Os restos indixestibles (ósos, pelo, caparazóns, etc.) quedan retidos na molleira, onde se compactan formando unha especie de bola. Pasadas unhas horas, esa bola é regurxitada e expulsada pola boca.

Varias aves moi próximas a nós producen egagrópilas: sobre todo o moucho e a curuxa, pero tamén falcóns e outras rapaces, algunhas aves acuáticas e mesmo algunhas granívoras.

Que importancia teñen?

A nivel ecolóxico, as egagrópilas son unha fonte de información moi valiosa:

  • Permiten saber que come unha ave.

  • Axudan a estudar a microfauna local, especialmente roedores, e tamén como estas aves contribúen a mantelos a raia.

  • Revelan a saúde dun ecosistema e as relacións entre depredadores e presas.

Logo, é moi probable que xa teñas pasado preto dalgunha, porque é común atopalas nos lugares de descanso ou comedeiros destas aves: pombais, hórreos, casas abandonadas, campanarios, árbores ocos, penedos…







Comentarios